Salomé Soutelo | El Faro de Vigo |10.06.2015 02:45

O secretario comarcal de Unións Agrarias e responsable de Gandería da Unión de Pequenos Agricultores, Román Santalla, trasladou onte ao Ministerio de Agricultura os problemas que padecen xa os agricultores e gandeiros da zona debido á seca. Hai un mes que non chove, co que xa se palpan perdas nos cultivos que se utilizan para silo. En concreto, Santalla apunta que a falta de precipitacións afecta xa o crecemento do millo que se sementou en 5.400 hectáreas. Nalgúns casos, as explotacións optan por volver sementar por segunda vez, asumindo así un custo de 1.000 euros por hectárea, o que sen dúbida será unha nova perda para o sector, en vista de que a colleita será mala e de que debido á seca xa volven aparecer pragas como o trade ou o arame. Con estes vermes aparecen os danos dos corvos e choias, “que están a abrasar campos enteiros”, asegura Santalla.

A seca tamén causa que o segundo corte de herba para forraxe sexa moi malo ou, mesmo, inútil. En Deza e Tabeirós-Montes, segundo os cálculos de Unións Agrarias, dedícanse ao redor de 19.000 hectáreas á produción de herba para silo, así como outras 18.000 a pastos, vitais para as ganderías extensivas pero que a día de hoxe xa están agostados polas altas temperaturas e un vento nordeste que terminou resecando aínda máis os chans.

Ante esta situación, ás explotacións non queda outra que reducir a ración aos seus animais, co que tamén minguará a produción leiteira. A falta de coñecer os datos estatais, a escala europea tanto Francia como Alemaña reduciron a súa produción de leite, mentres que esta aumenta en Irlanda ou os Países Baixos. O prezo medio foi de 31,6 céntimos por litro en abril, por baixo dos 32,3 de marzo.