Salomé Soutelo | El Faro de Vigo |19.07.2014 13:49

Os gandeiros das comarcas teñen dereito a 10.000 das 450.000 toneladas de cota que manexa a reserva nacional de leite e que o Ministerio de Agricultura pretende distribuír en setembro para equiparar así a produción real e a cota que ten cada explotación para minimizar o risco de pagar a supertasa.
O secretario comarcal de Unións Agrarias, Román Santalla, fixo onte estes cálculos para insistir en que esta distribución ten que producirse antes de dous meses, porque o aumento de produción é constante. En xuño, o volume de leite que se colocou na industria foi xa un 5% superior ao de xuño do ano pasado. É máis, segundo o informe de monitoraxe que elabora o Ministerio de Agricultura, na presente campaña o 60% dos produtores (é dicir, dous de cada tres granxas) vai superar a cota que ten asignada. O estudo calcula que, ata o 31 de marzo do ano que vén, os gandeiros españois haberán entregado 6,7 millóns de toneladas de leite, de modo que venderán entre 211.000 e 307.000 toneladas por encima do que se lles permite producir.
Austria, Alemaña e Holanda están na mesma situación que o noso país: superan con fartura a súa cota e o pasado luns tentaron renegociar a multa no reunión do Consello Europeo, para pagar só 100 dos 600 millóns de euros que deben achegar. O resto de países oponse porque unha concesión deste tipo supoñería axudar a estes países para consolidarse aínda máis nun mercado cada vez máis globalizado. O secretario de Xóvenes Agricultores, Francisco Belo, aclara que “non se cambiará a normativa para esta tempada, de modo que quen produza de máis, terá que pagar”.
Desde Unións, pídese para España “un trato diferente, porque somos o país da Unión Europea que tivo que matar máis vacas para axustarnos ao sistema de cotas”, que entrou en vigor hai 30 anos e que se extingue o 1 de abril de 2015. Ao longo desta semana, as organizacións sindicais reuníronse con altos cargos do Magrama para lograr esa repartición da cota da reserva nacional, un aspecto ao que se opoñen as cooperativas e tamén Asaja, o sindicato no que se integra Xóvenes Agricultores. Belo explica que a repartición non arranxa o problema de sobreproducción, xa que se realizará con criterios que van outorgar a uns produtores máis cota que a outros, co que se acabará dividindo ao sector. Avoga pola compensación “que tratará a todos de forma igual ou, polo menos, terá deferencias cos gandeiros que menos pasen a súa cota”. Asaja teme que, se se reparte a reserva nacional, aquelas granxas que xa duplican a súa cota -a só catro meses de iniciarse a tempada- continúen aumentando a produción, co que a supertasa sería moi elevada e afectaría a todo o sector en xeral. Por iso, Belo pide un mecanismo que castigue a estas explotacións que fan oídos xordos á súa cota, á vez que pide ao Magrama que alerte con frecuencia a cada granxa sobre a evolución da súa produción leiteira.
Tras os encontros desta semana, este luns, día 21, os sindicatos reúnense coa conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, para lembrarlle que o seu departamento tamén ten obrigacións á hora de facer que se cumpra o chamado paquete lácteo. “Os contratos teñen que indicar o prezo de referencia e o volume de leite que se entrega, e han de asinarse antes de que o gandeiro xa vendese o seu produto”, esixe Santalla.